Igrexa de Santa María

A Igrexa de Santa María de Donramiro é de orixe románica, trazas que conserva na fachada e no primeiro tramo da nave, xa que no 1654 foi reformada e a súa fasquía actual é practicamente barroca.

As arquivoltas da portada e o tímpano da época medieval merecen especial mención. Sobre ese tímpano descansa unha lousa sustentada polo ábaco das columnas interiores, na que se poden ler as siglas JHS referentes a Cristo, e dúas cruces en forma de roseta ós lados.  Sobre todo o conxunto ábrese unha ventá románica que coincido co eixo vertical do campanario. Unha das características máis sobranceiras que posúe esta igrexa é precisamente que conta cun dos poucos campanarios románicos galegos que rematan en forma triangular.

A actual planta da Igrexa é de cruz latina, configurada por dúas capelas laterais que se abren a un cruceiro inexistente. A cabeceira e as capelas laterais proceden do século XVII.  

Contra o lado dereito da nave central, onde se conservan restos dun baldaquino de pedra, existe tamén un sepulcro atribuído ó Conde Don Ramiro. Porén as vestimentas sacerdotais da estatua xacente fan pensar ós expertos que o sepulcro garde en realidade os restos dun arcediano de Deza, reformador da igrexa e canónigo das cidades de Lugo e Santiago no século XVI.

No atrio atópanse dúas pilas bautismais, unha delas cargada de ornamentos de enorme valor arqueolóxico. Próxima tamén á fachada central unha sepultura da casa de Filgueiroa onde repousan os restos dun dos fillos ilustres de Donramiro, o astrónomo Ramón María Aller Ulloa.

A Igrexa foi donada á de Lugo no 1119 por Juan Díaz.