Época contemporánea

No 1845 a parroquia de Donramiro tiña 35 veciños e 184 almas. En total formabana 8 aldeas: O Regueiriño, Carrizal, Igrexa, Filgueiroa, Vilar, Trascastro, APenela e Agruchave.

O Concello, que antes estivera situado na casa de Aller (Filgueiroa), trasladarase á chamada “Casa da Culpa”, en Donramiro, e alí estivo ata o 1906, ano no que se trasladou a Lalín. A casa débelle ese curioso nome ás trifulcas existentes entre alcaldes, gardas municipais e veciños recelosos do traslado da casa consistorial. Antonio Crespo Pampín (1851-1928), alcalde de Donramiro que chegou tamén a gobernar en Lalín, conseguira nunha das ocasións aprazar as eleccións derrubando parte da casa ó levantarlle un lado do tellado e quitar o dintel da porta. De aí que fora dende aquela coñecida como a “Casa da Culpa”.

Porén, as eleccións continuaron a celebrarse en Donramiro ata o 1923, anos de fame e penurias nos que os votantes eran asoballados cun pouco de pan e viño para mollar. De todos modos daquela Donramiro ben podía presumir de contar con todo tipo de servizos: o concello, a escola, a casa cuartel da Garda Civil, o cárcere, a botica, o casino, a carnicería, a tabacaleira...

Neses anos a produción da parroquia baseábase na colleita de centeo, millo, patacas, un pouco de trigo, legumes, hortalizas e pastos. Todos estes alimentos servían para manter o gando vacún, mular, lanar e cabrío, que eran o principal sustento económico desta comarca dedicada case en exclusiva á agricultura e á arriería.

En pleno século XXI Donramiro segue gardando os tesouros do pasado: o castro, o asentamento romano con tumba do século III e IV d.C. no alto de Vales-Bouzoa, a igrexa románica de Santa María, a capela de Montserrat, un cruceiro do XVII, o pazo de Filgueiroa, que data do século XVIII, a mansión Casa de Crespo, catro muíños antigos...

E porque Donramiro vai á par dos tempos a parroquia mira xa os tempos que han de vir.