Virxe do Montserrat

A Virxe de Montserrat é, xunto con Santa Mária a co-patrona de Donramiro, comparte protagonismo con outro santo de gran querencia nas nosas terras, San Mauro.

Contan as lendas que a Virxe de Montserrat se lles apareceu a uns nenos que gardaban as ovellas no monte das “Penas do Cesto”, monte que agora tamén leva o nome da santa. Foi a propia Virxe a que lles mandou ós veciños do lugar que construíran unha capela naquel lugar. A primixenia era moi pequena así que tivo que ser reformada en varias ocasións; a última no 1910, grazas a un traballo dirixido por Guillermo González Fernández e no que colaboraron todos os veciños, mesmo os que emigraran ó estranxeiro.

Outra versión da lenda di que a Virxe de Montserrat tiña o seu destino marcado para que a venerasen na parroquia de Cercio pero no momento do traslado topou cun inconveniente. A Virxe, que ía tirada por un carro de bois que avanzaba de vagar ó longo de todo o camiño real, e os veciños que a acompañaban, comprobaron coma os animais se resistían a seguir camiñando cando chegaron á altura do monte “Penas do Cesto”, en Donramiro. Os labregos que compuñan o séquito da Virxe decidiron ir entón por outros bois pero tamén estes se negaban a continuar a andaina.

Dende aquela Montserrat foi xa para sempre de Donramiro, onde a seguen honrando con gran devoción.

As festas no seu honor celébranse o primeiro domingo despois do día 8 de setembro de cada ano. Son as máis importantes da comarca do Deza. Tamén as máis populares. Veciños e visitantes preparan os seus xantares para comelo logo ós pés do antecastro e baixo a sombra das árbores centenarias do monte. Os fieis, procedentes de toda Galicia, pídenlle á Virxe de Montserrat curación para todo tipo de enfermidades e proteccións contra toda caste de mal.