Ramón Aller

Os estudos eclesiásticos teñen sido, para unha gran parte dos ilustres cidadáns que nos deixa a historia, unha porta aberta ó coñecemento e até ó espertar de vocacións científicas e investigadoras. Cúmprese este principio en boa parte dos nosos Fillos Ilustres, aínda que por distintas circunstancias. Nalgún caso, a Igrexa foi a vía de escape que lles permitiu a moitas persoas sen recursos acadar os niveis máis altos de formación. Non parece ter sido este o caso de Ramón Aller. A súa pertenza a unha familia patricia, ben acomodada, que mantivo certa oposición ó seu ingreso na vida sacerdotal, sitúao nunha órbita ben achegada ó vocacional, aínda que esta vocación relixiosa espertara co tempo e co tempo quedara relegada (que non afastada) a un segundo plano ante o empurrón dos seus intereses científicos.

Home humilde, modesto e adicado ós demais son cualidades reiteradamente recoñecidas a Ramón María Aller Ulloa (Donramiro, 1878 - † Lalín, 1966). Bautízano o 4 de febreiro (nacera ás 00:30 horas do día 3) en Santa María de Donramiro. O nome, o do padriño, e os apelidos contan cunha longa historia: o Aller vén das terras das Mariñas coruñesas e o Ulloa, da mesma parroquia de Donramiro. No pazo de Filgueiroa viña de nacer un humilde de casa nobre. Até as anécdotas reforzan esa imaxe: na acta correspondente, testemuñan o seu nacemento dous humildes labregos, José Lalín e Ventura Portas. No pazo, as xentes e a súa nai falaban galego e o galego foi a lingua da casa, das ensinanzas e dos agarimos da infancia.

Ós sete anos vai vivir e estudar a Lalín e con once marcha interno á Guarda para cursar bacharelato cos xesuítas, que espertan a súa tripla faciana: relixiosa, matemática e astronómica. Aquí coñece ó padre Merino, que tiña construído no centro escolar un observatorio meteorolóxico de gran nivel para a época. Cando remata os estudos, no 1894, xa sementara nel o inzo científico, que cultivou con numerosos traballos sobre meteoroloxía e botánica. Nesta época revélase ademais como excelente pintor e mellor debuxante, algo que lle será de gran proveito no futuro, cando comece a deseñar aparellos de observación.

Dende 1894, nos seminarios de Lugo (onde se ordenará sacerdote en 1900) e Santiago cursa a carreira sacerdotal, que remata dous anos antes do habitual. Con só vinte anos, razón pola que se fai precisa unha dispensa, logo do acurtamento do período formativo, xa é licenciado e doutor en Sagrada Teoloxía. Durante a súa estadía no seminario, a súa avoa Camila xa lle regalara un anteollo de 67 milímetros. Matricúlase, por libre, en Oviedo para estudar Ciencias Exactas e, ó ano seguinte, traslada a matrícula a Madrid, onde remata a carreira en 1904. Non consegue o título até 1916, pois no camiño crúzaselle un exame sobre Astronomía que suspende logo de ter a ousadía de levarlle a contra ó catedrático con puntos de vista distintos.

O teodólito Troughton & Simms súmase ó anteollo e a outros complementos de observación, e con eles volve á casa familiar, onde sistematiza o seu traballo de astrónomo que dá lugar á súa primeira publicación froito das observacións do cometa Johannesburgo en 1911. Por esas datas xa tiña feito numerosos seguimentos e anotacións de relevancia: o tránsito de Mercurio perante o Sol (1907), o eclipse de 1905, os pasos de estrelas... Son anos nos que se traslada periodicamente a Castro Urdiales (de 1911 a 1920) para facer uso dos excepcionais instrumentos con que estaba dotado o observatorio desa vila. Desa época é a formulación dun novo método para os rexistros do paso de estrelas, empregando a referencia de dúas verticais perpendiculares. Confírmase ó mesmo tempo como un matemático de primeiro nivel. Como tal, publicou importantes traballos, como Algorítmia, principios fundamentales de la ciencia de los números (1918) ou o texto completo de Astronomía.

Froito das súas visitas a Castro Urdiales, toma a decisión de poñer en marcha na súa vila natal un observatorio astronómico. Madeira e cravos son todo o material que precisa para construír, en 1917, no xardín da súa casa dúas casetas nas que instala os seus equipos de observación, ós que tiña sumado o telescopio alemán de 120 milímetros, o ecuatorial Steinheil, que el mesmo mellorou, e dende alí desenvolve ducias de traballos sobre astronomía e matemáticas, publicados nas revistas máis reputadas do momento. É o caso da Revista de la Sociedad Astronómica de España e América, Ibérica, a Revista Matemática Hispanoamericana, a alemá Astronomische Nachrichten, a francesa L'Astronomie... Deseña prototipos e revela unha alta capacidade para a construción de aparellos para a observación e o estudo.

Os seus parentes están detrás do financiamento das súas "necesidades técnicas". A morte de Saturnino Aller e o usufruto da súa herdanza permítenlle, xunto a novas e repetidas axudas de María Lajosa, mellorar os seus medios. Chega así o refractor Steinheil de 120 milímetros, que "xubila" ó de 108 milímetros, e a modificación do observatorio, ó que se lle engade unha cúpula. Son os anos dos grandes descubrimentos e das medidas de estrelas dobres (de todas as especialidades, foi na que máis salientou), o exame de superficies planetarias e as observacións ocasionais froito de horas que botou sentado diante dos aparellos: eclipses, tránsitos, ocultacións, choivas de meteoros, auroras e cometas. En 1933 describe a choiva de estrelas fugaces Dracónidas do 9 de outubro, que publica en Las Ciencias en 1934, e na mesma época deseña un astrógrafo para a empresa Zeiss co carimbo "Observatorio Astronómico de Lalín". Algúns contemporáneos referían en Lalín unha fábrica de equipos astronómicos de alto nivel, industria que na realidade se limitaba ó noso crego, ós seus planos e a un par de colaboradores capaces de converter en metal un debuxo nun papel seguindo escrupulosamente as meticulosas directrices do deseñador astronómico lalinense. Observa sistematicamente planetas e deixa constancia permanente das horas de traballo en publicacións e anotacións, estas últimas en forma de cadernos que se conservan no instituto que leva o seu nome na capital de Deza.

Nos dez anos anteriores ó inicio da ditadura de Francisco Franco, a casa lalinense de Aller Ulloa viu desfilar ilustres galeguistas e estudosos, colaboradores coma el do Seminario de Estudos Galegos: Risco, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo e outros contemporáneos que foron iniciados na observación. O noso lalinense pertencía ó Seminario dende novembro de 1928, cando foi admitido cun traballo sobre o matemático Rodríguez, e destacou pola súa proximidade ós galeguistas e ó pensamento da época.
Ó remate da Guerra Civil incorpórase, en 1940, á Universidade de Santiago da man dun discípulo seu, Vidal Abascal. Faino como mestre de Xeometría Analítica e Análise Matemática e tres anos despois inaugúrase o observatorio do campus, ó que se trasladou o refractor, o teodólito e boa parte da súa biblioteca dende Lalín. Doutórase en 1943, con 65 anos, e ese mesmo ano funda o actual observatorio astronómico da USC, que leva o seu nome. Un ano despois créase a cátedra de Astronomía, da que se encargaría o noso protagonista. O Centro Superior de Investigaciones Científicas implicouse con Ramón Aller e o novo observatorio, financiando obras, equipos e, á fin, publicando en 1944 Introducción a la Astronomía. Non chegou a obter das autoridades o cobizado refractor de máis de 30 centímetros de apertura que tantas veces reclamou por consideralo imprescindible.

Nesa época, Aller e dous discípulos, Antonia Ferrín e Vidal Abascal, agora xa mestres, sentaron as bases para a creación da Facultade de Matemáticas na Universidade de Santiago, na que os tres serían os seus primeiros mestres. Foi a relación con Enrique Vidal Abascal tan estreita, amistosa e de mutua admiración que á teima do alumno se lle atribúe a maior parte do mérito do desembarco de Aller como mestre en Compostela e da creación do observatorio. O propio astronómo contaba as xestións: "En la misma época de mis comienzos como Profesor era Director del Instituto de Pontevedra D. Enrique Vidal Abascal quien comenzó a remover de nuevo la cuestión de dar carácter oficial al Observatorio de Lalín, para lo cual se dirigió a las Diputaciones de Galicia, animando a la de Pontevedra para tomar la iniciativa. Vino a Santiago a tratar el asunto y entonces el Rector D. Carlos Ruíz del Castillo resolvió prescindir de toda clase de rodeos. En cuanto dispuso de los datos necesarios, pidiéndomelos directamente y por medio de D. Luis Iglesias, apuró al arquitecto D. Jenaro de Lafuente, que dirige las obras de la Residencia, para que concluyese los planos del pabellón destinado a Observatorio, y, poco antes de dejar la Universidad Compostelana para trasladarse a Madrid, venciendo no pocas dificultades, todo quedaba concluido para la aprobación ministerial".

Na súa biografía pública e publicada transcende pouco da súa espiritualidade e das tarefas desenvolvidas en relación coas institucións relixiosas. De feito, ó rematar os estudos sacerdotais manifestara a súa vontade de non desempeñar cargos relixiosos nin percibir retribucións polas actividades que, neste eido, puidera desenvolver. No seu haber están 75 publicacións técnicas, 4 libros (Algoritmia, Introducción a la Astronomía e Astronomía a Simple Vista foron varias veces editados), 5 teses dirixidas... e, como non, as 4 estrelas dobres, que levan o seu nome, descubertas por el e debidamente documentadas e publicadas. Foi o introdutor e pioneiro en España desta especialidade da observación astronómica.

Mediados os sesenta, fraquea a súa saúde e Aller regresa a Lalín, onde falece un 28 de marzo de 1966. Repousa no adro da igrexa de Donramiro, a súa parroquia natal, baixo unha sinxela lápida na mesma terra que de neno pisaba indo para a misa. A súa herdanza profesional (libros e instrumental) pasan á propiedade da Universidade e en 1983 o observatorio universitario é bautizado co seu nome.

Conta cunha longa lista de honores e nomeamentos, entre os que destacan a Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, a Medalla de Ouro de Compostela, o título de Fillo Adoptivo de Santiago, o de Coengo de Honra da Igrexa Catedral de Compostela e, por suposto, o de Fillo Predilecto de Lalín, vila que o 4 de setembro de 1960 lle tributa unha cálida homenaxe. Del teñen escrito ducias de autores; sen dúbida, quen con maior paixón e coñecemento o fixeron foron os seus discípulos, Antonia Ferrín e Vidal Abascal, e máis recentemente o profesor Docobo Durántez, responsable do observatorio universitario.

Ducias de rúas, edificios e publicacións honran o seu nome, como a rúa que ás poucas semanas do seu pasamento lle dedica a cidade da Coruña e, co tempo, moitas outras de Galicia. En 1989, Lalín inaugura o museo que leva o seu nome. Moi por riba destas, o seu coetáneo Hugh Percy Wilkins puña o nome de Ramón Aller a un cráter lunar.

Aló arriba, catro estrelas e un anaco de Lúa teñen para sempre o nome do pequeno gran home, sacerdote, científico e lalinense: Ramón María Aller Ulloa.

P.D.: O coñecemento da obra e vida de Ramón Aller é accesible na súa casa museo de Lalín e no observatorio da Universidade de Santiago. Non tan coñecido é o feito de que a biblioteca e o museo do Seminario Diocesano de Lugo son posuidores dun bo número de libros e manuscritos do noso protagonista, ademais dun dos primeiros telescopios da súa propiedade (tiven a honra de velo na miña etapa de seminarista en Lugo, e cónstame que é un dos "recordos" máis prezados pola gran familia deste emblemático e fermoso centro, casa na que se formaron centos de veciños da capital de Deza).
Lalín ten tamén unha débeda de recoñecemento cun home de sangue lalinense: o alumno e amigo de Don Ramón, Enrique Vidal Abascal, nacido en Oviedo e formado na Coruña, xa que nestas vilas foi onde o seu pai, natural de Lalín, exercía como delegado de Facenda. Pero de neno xogou moitos veráns na horta da casa familiar que lindaba co observatorio. O neno que admiraba aquel cura que ollaba para as estrelas acabou sendo o seu alumno avantaxado, amigo e até impulsor profesional.
Bo pintor, como Don Ramón, seu é o retrato máis popular que se ten feito do astrónomo e súa, a dedicatoria ós lalinenses: "A as xentes de Lalín, de donde era o meu pai, que tan outo sentido teñen da amistade. Xentes traballadoras e rexas, mais tamén sensibres, intelixentes e agarimosas. Con fonda saudade."