Laxeiro

José Otero Abeledo, Laxeiro, Alfonso Sucasas, Antón Lamazares e Guilermo Aymerich son as catro patas que sustentan o banco (o cabalete de pintor, deberiamos dicir) da expresión pictórica da capital de Deza. Catro nomes que, pola súa "contundencia" artística, deixan pequenos, aínda que sen lle restar mérito ningún, a outras ducias de artistas plásticos xurdidos nesta fértil terra, sendo merecentes de recoñecemento e recordo.

Se por algo destaca Lalín nos últimos 100 anos é pola extensa colleita de artistas de primeiro nivel que ten dado. Moitos deles acadaron relevancia internacional, pero todos ficaron cun pé na terra na que abrollaron, coma se dela chuchasen a enerxía precisa para seguir creando.

José Otero Abeledo - Laxeiro: Nace en 1908 na cerna da parroquia lalinense de Donramiro, ao carón da escola e do edificio que fora concello. Morre en Vigo en 1996. Os primeiros anos discorren no seo dunha familia de sete irmáns –el era o maior– que pronto emigra a Cuba, onde o luso Moreiras, mestre seu, marcará a súa vocación artística e o interese pola vida cultural da Habana. Volve adolescente para Lalín, onde reparte o seu tempo entre a pintura e a profesión de barbeiro, coa que percorre as feiras e vive escenas que logo reflectirá nos seus debuxos. Nace así o gran retratista que analiza con suma precisión a tipoloxía do campesiñado galego. Sucesivas axudas públicas permítenlle formarse e viaxar acotío a Madrid, onde comeza a frecuentar faladoiros e a compartir xuntanzas de intelectuais galegos, entre os que se atopaban Vicente Risco, Castelao, Suárez Picallo ou Otero Pedrayo, e, de camiño a elas, visitas e máis visitas ó Museo do Prado. De volta a Galicia é xa un pintor "consolidado". Casa entón con Luisa Villamarín e, froito da relación, nace Mari Cruz Otero. Frecuenta os cenáculos artísticos de Compostela como xa fixera antes da súa estadía madrileña e, logo dunha breve tempada na capital provincial, fixa a súa residencia en Vigo, que, xunto con Lalín, van ser "domicilio recorrente" para Laxeiro.

É un dos máis claros representantes do que se deu en chamar "vangarda histórica galega", un grupo de renovadores que sitúan Galicia no mapa mundial da plástica. Coma "un fabulador plástico", así se pode resumir o seu perfil artístico, botando man dunha das terminoloxías que se teñen empregado para definir a súa obra. Se falamos de influencias, Laxeiro bebe do Románico e do Barroco galego, do Picasso neoclásico, do expresionismo europeo ou do Goya máis negro. Gran debuxante, ten deixado centos de traballos espallados polo mundo, moitos en panos de mesa, manteis ou simples cuartillas.

Nos primeiros anos foi considerado un escultor da pintura –"estética granítica", seica lle chaman os que disto "entenden"–, por tomar da escultura en pedra de Galicia a inspiración. Negros e ocres, e lenzos con escaso "aire", saturados as máis das veces, danlle continuidade ó seu traballo, até chegar á época máis influenciada por Goya. Eran os tempos en que escenas tradicionais da terra, ritos, celebracións... tomaban protagonismo. Corren os anos 50 e Laxeiro cruza de novo o Atlántico, desta volta cara a Bos Aires. Na capital arxentina permanece vinte anos nos que, paradoxalmente, é influenciado polos artistas europeos do momento, nomeadamente franceses, cun expresionismo un tanto irreal ás veces. A súa pintura tórnase máis sinxela, menos cargada que no período precedente pero sen conceder aínda grandes espazos "baleiros" ó lenzo, que gaña en color.

En 1972, xa de volta en España, Madrid, Lalín e Vigo son lugares de longas estadías que vai alternando sen fin, situándose á cabeza do coñecido como movemento Atlántica. Os oitenta e os noventa son anos dun especial recoñecemento en vida da súa obra: organízanse máis de medio cento de mostras individuais, Vigo dedícalle un museo, recibe a Medalla de Lalín, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, a Medalla de Ouro do Concello de Vigo e a Medalla Curros Enríquez, e institúese a Bienal Laxeiro de Lalín.