Cando Lalín Honraba a San Martiño

A “Feligresía de San Martín de Lalín”, ou o que é o mesmo Lalín hai 260 anos, era unha pequena poboación que co paso dos anos converteuse na actual capital municipal e comarcal. A hoxe parroquia da Nosa Señora das Dores foi creada, de acordo coa reforma parroquial decretada polo Goberno, no ano 1890, sendo bispo de Lugo frei Gregorio María Aguirre. Quedaban ó mesmo tempo suprimidas definitivamente San Martín de Lalín e San Cristóbal da Pena, mentres Donramiro quedaba anexa e mantiña a súa identidade e importancia parroquial; tanto era así que a sede e residencia do cura párroco era a reitoral de Donramiro. Por esas datas a vila comezaba a tomar forma no contorno do Barrio de Abaixo e no cruce de camiños de Compostela a Ourense e do Candán a Lugo, cunha capela mariana situada no actual emprazamento da estatua de Loriga e que aínda seguiría en pé logo da consagración do templo actual na praza da Igrexa das Dores, en 1915; de feito, o Santísimo foi levado en procesión dende a primeira até a segunda.

A mellor fonte de información sobre a organización social do século XVIII atopámola no Catastro de Ensenada, ordenado por Fernando VI e realizado neste caso en 1752 por Alonso Nicolás de Fonseca y Patiño, "abogado de los Reales Consejos y Juez Subdelegado de la Real Única Contribución", sendo xuíz destas terras Francisco Varela y Saavedra e párroco Manuel Henriquez de Hiebra. A poboación estaba formada por trinta familias que ocupaban outras tantas casas, ás que se lles sumaban tres máis inhabitables e dúas máis en ruínas.

Pertencía nese ano San Martín, xunto a outras cincuenta e catro freguesías, ó arciprestado de Deza, e polo tanto á diocese de Lugo. Administrativamente enmárcase tamén na provincia lucense e son os condes de Lemos os "señores" ós que se lles debían tributos, como recolle o Catastro: "[...] es de señorío de la Excelentísima Señora Condesa de Lemos, quien percibe de cada vecino cabeza de casa un real y diecisiete maravedíes de vellón, por razón de VASALLAJE, a excepción de Vicente Cayetano Gonzalez escribano de Número, uno de tres de esta Jurisdicción de Deza, también percibe la LUCTUOSA de los sobre dichos y por ella cierta cantidad de dinero en que suelen ajustarse que computado un año con otro ascenderá su valor a treinta y ocho reales de la misma moneda, y además de ello también percibe el Real Monasterio de Santa María de Osera, una libra de cera, por razón de dicha Luctuosa."

En Compostela, Ferro Caaveiro acaba de rematar o gran proxecto de Fernando de Casas y Novoa: a fachada barroca da Catedral de Santiago, e na zona acométense restauracións e ampliacións, con influencias deste estilo arquitectónico, en moitas igrexas veciñas, como a de Donramiro. Na comarca constrúense outras moitas e importantes obras civís, nomeadamente pontes. Por estas datas estase a finalizar o proxecto de construción do Santuario de Abades, situado na veciña vila pouco tempo despois coñecida como Silleda. Nese ano vai consolidando a súa carreira militar Francisco Gil de Taboada, o lalinense que máis alto ten chegado no Goberno de España, desempeñando cargos como o de vicerrei do Perú e de Nova Granada, e o de director xeneral da Armada de España.

A sede relixiosa era a igrexa románica que dá nome á freguesía: San Martín de Lalín, hoxe conservada non sen ducias de restauracións e modificacións. Ten a súa orixe no conxunto relixioso do Mosteiro de San Martín Obispo (este é o seu nome orixinal), que ordenou construír o bispo mindoniense Arias Peláez e "dotado" (financiado) logo pola condesa Adosinda, filla de Gudesteo e Ledegundia, descendente dos condes de Deza e dos condes de Lugo. Puxérase a "primeira pedra" no ano 980. Seguidor da Santa Regra (a regra de San Bieito), presentaba este unha curiosidade: era "duplo", de xeito que a un lado da igrexa se erixiu un mosteiro masculino e ó outro, un feminino (destinado a señoras "Deo Votas y confesas" e asistido por monxas), gobernados por abade e abadesa respectivamente de forma autónoma. Nada queda da edificación, salvo unha parte da igrexa, da época do Catastro de Ensenada. As pedras do mosteiro nutriron, con seguridade, moitas das construcións do contorno e ata a reconstrución da igrexa no mesmo lugar no que se atopaba a orixinal. O mosteiro comezou coa decadencia e posterior abandono ó longo do s. XIII. Tal e como sostén Buenaventura Cañizares, na centuria do 900 o actual Lalín eran terras fértiles pero deshabitadas (así o proban os documentos do bispo fundador e da doadora Adosinda). Os traballos de roturación fóronlle encomendados a un grupo de traballadores, á fronte do que se puxo a un colono chamado Lalino, recibindo esta primeira granxa ou vila o citado nome e estendéndoo anos despois ó vilar que se ía creando arredor do mosteiro.

Mediada a centuria de 1700, o Catastro de Ensenada deixa constancia da existencia dunha freguesía pouco extensa, que "tendrá de distancia de Levante a Poniente medio cuarto y del Norte al Sur otro medio cuarto de una legua y de circunferencia media legua, que para caminarla se ocupara una hora; principia su demarcación, por el Levante en el Marco de Forca y de aquí a la Mamoa del Gallo y al Foxo Vello, por el Norte Puerto de Ramos y Pontillón, por el Poniente linda con la Puente del Estanque y Fonte Sanguiño, por el Sur en el coto de Pena Aguda, campo de Don Frean y sigue al Marco de Forca, que es la primera demarcación; linda por el Levante con la feligresía de San Martin de Maceira, por el Norte y Poniente con la de San Cristóbal da Pena, por el Sur con la de Santa María de Don Ramiro".

En 1752 Lalín tiña como principais cultivos o centeo e as hortalizas e abondaban os prados para a forraxe animal; o "mijo menudo" e o trigo eran tamén cultivados, aínda que en escasa extensión de solo. Polo clima producían só unha colleita ó ano. No que atinxe ás especies arbóreas, dominaban na paisaxe maceiras e cerdeiras, compartindo espazo cos cultivos de horta. A medida de volume utilizada era a do ferrado de centeo, "que consta de veintisiete varas castellanas en cuadro, el que sembrado de centeno lleva un ferrado de la misma simiente, sembrado de mijo menudo la octava parte de un ferrado". En comparación coa reducida superficie, non era desdeñoso o espazo dedicado a cultivos nin a produtividade da terra nada desprezable pois "una medida de tierra de primera calidad sembrada en el primer año de centeno producirá con una ordinaria cultura un año con otros cuatro ferrados de la misma simiente y sembrada en el segundo de mijo menudo producirá otros cuatro ferrados de la misma simiente".

Carballos e castiñeiros dominaban no escaso bosque. Os seus froitos destinábanse á alimentación humana e animal, e deles extraíase a madeira para o fogar, tendo en conta que "un ferrado de sembradura dehesa de primera calidad, que se corta de dieciséis en dieciséis años, producirá cuatro carros de leña".

Os impostos da época eran abondosos e, aínda que esta freguesía non parecía das máis pobres, os ingresos da terra completábanse con varias actividades profesionais ou a feira de mes: "[...] sobre lo que producen las tierras se hallan impuestos DIEZMOS y PRIMICIA, los que perciben de por mitad el Cura Párroco y la Excelentísima Señora Condesa de Lemos, así mismo perciben de cada vecino cabeza de casa cuando se muere, por razón de ABADÍA, el mejor vestido que tenga, [...] también percibe dicho Cura de los sobre dichos un ferrado de pan mediado por razón de OBLATA, el cabildo de la ciudad de Santiago, la tercera parte de un ferrado de centeno, por razón de BOTO y el de la ciudad de Lugo por la misma razón también percibe de cada vecino un maravedí". Facendo unha suma "conservadora", os nosos veciños de 1752 deixábanse en impostos cincuenta ferrados de centeo, corenta de "mijo menudo", vinte reais nos diezmos e sesenta e cinco reais na primicia. A abadía levábase outros vinte reais nas arcas do cura párroco e a condesa de Lemos a partes iguais; a oblata ascendería a noventa reais, o boto para o cabildo da Cidade de Santiago supuña once reais e o da Cidade de Lugo trinta marabedís.

A actividade industrial da freguesía de San Martín de Lalín limitábase a nove muíños de fariña dunha soa moa, case todos no Regato do Porto, que traballaban uns tres meses ó ano. Só os do escribán Caetano González e os de Simón Froiz, que estaban no Regato do Estanco, tiñan dúas moas e traballaban seis meses.

A riqueza gandeira era limitada en cantidade pero variada: bois de tiro, vacas, xatos, xatas, tenreiros, ovellas, carneiros, cordeiros, porcos, porcas "de vientre", cabras, cabritos, machos, mulas, poldros e eguas. A súa produtividade era escasa, tal como recolle o Catastro: "En cuanto a los esquilmos que producen el que hay en ella según sus especies, regularon en  la manera siguiente: a una vaca, de vientre que pueda procrear desde el cuarto año hasta los doce de su edad regulan su cría por cada uno en que pariese siendo ternero en veinte reales y siendo ternera en dieciséis reales, por la leche o manteca diez reales; a cada oveja, que pueda principiar a procrear desde los tres años hasta los ocho de su edad le regulan su cría por cada uno en que la tenga, en cuatro reales y cuatro de ellas de las que hay en el termino le consideran una libra de lana y al carnero media libra; a una cabra, que se la considera pueda parir desde los tres años de su edad hasta los ocho, regulan su cría por cada uno en que la tenga cuatro reales; a una lechona, que pueda procrear desde los dos años hasta los cuatro de su edad en que ordinariamente se suelen matar en esta feligresía, le consideran por el temperamento del país pare solamente una vez al año cuatro lechoncitos los que separados de la madre a los seis meses tasan a cada uno en cinco reales". Igual que nas parroquias limítrofes, dábaselle grande importancia ó mel, como o amosa a existencia de doce grupos de colmeas e o feito de que cada unha delas deixáballes ós seus donos por riba dos catro reais.

Ademais das súas actividades particulares os fregueses contaban con dúas axudas, a feira e a taberna, para recadar cartos cos que facer fronte ós gastos e ós impostos "do común". Neste capítulo atoparíanse os gastos propios dunha administración local: xuíz, correos, procurador xeral, reparación de camiños e pontes... Para afrontar eses gastos feira e taberna eran boas fontes de ingresos. O día de feira era o tres de cada mes (a do dezaoito, contra o que se adoita dicir, tardará anos en establecerse) e a presenza de tratantes e mercadores foráneos proporcionaba "un dos por ciento de lo que se vende, que regulado un año con otro por un quinquenio ascenderá su valor a quinientos reales vellón". A taberna era unha especie de concesión na que "pone vino al por menor Pedro González Cacheda, vecino de dicha feligresía, por cesión que los vecinos de ella le han hecho en la cantidad de novecientos un reales y veintiséis maravedíes de vellón, cuya cantidad es la que dichos vecinos pagan en cada un año en la ciudad de Lugo y Tesorería de Rentas Provinciales".

Pola contra, non había, e así o testemuña o Catastro de Ensenada, mesóns, panaderías, carnicerías, hospital, cambiador nin mercador "al por mayor" ningún. Si se deixa constancia dalgúns "profesionais" necesarios nunha poboación "de paso" e con feira: o cirurxián Juán de Rielo, o escribán real Francisco López, os "ministros" de xustiza José Salgado e Antonio Sánchez, e ademais tres carpinteiros, un canteiro, un zapateiro e un tecedor. Se algunha profesión estaba ben nutrida esa era a dos arrieiros; non esquezamos que a freguesía se atopaba no punto de confluencia do Camiño de Inverno e da Vía da Prata a Santiago de Compostela e, á inversa, na ruta dos arrieiros galegos e maragatos a Castela e Madrid. Entre todos contaban con preto de cincuenta animais, cifra que é unha boa mostra da importancia das freguesías da zona nas rutas comerciais da época.

Malia os impostos e a reducida poboación, non parece que lle fora moi mal a esta freguesía. O Catastro dá conta da inexistencia de "pobres de solemnidad" ou de xornaleiros. Seguramente a feira e o comercio, favorecido polos arrieiros locais, constituían unha boa fonte de sustento que se completaba coas distintas actividades agrarias e gandeiras.

Ademáis do “cura párroco” outros tres sacerdotes  atendían as necesidades espirituais dos lalinenses de entón, a residencia do primeiro era a casa reitoral de  Donramiro. As terras da igrexa eran traballadas por colonos segundo acordos de arrendamento, e a súa produtividade era repartida: "[...] de las tierras de sembradura de labradío de primera, segunda y tercera calidad perciben los dueños propietarios la tercia parte de su producto y las otras dos tercias los colonos poseedores, poniendo estos por entero las semillas que se les siembran pagando el diezmo del total de dichos  productos, de las tierras de hortaliza, prados de primera, segunda y tercera calidad, llevan los dueños la mitad de su producto y los colonos la otra mitad restante y de el de los montes el quinto."

Era o Lalín do Século das Luces e dos movementos ilustrados, claro que eses "movementos" tardarían aínda en chegar a estas terras, salvo para algún emigrante ilustre. O tempo seguiría a pasar moi devagar até dous séculos despois, pero estábase consolidando un novo núcleo urbano á marxe de Donramiro de San Martiño (Lalín de Arriba), que co tempo se transformaría no Lalín actual.